Inicio Actualidad Noticia reapertura musealización Castelo de Sobroso Mondariz Condado Paradanta

Noticia reapertura musealización Castelo de Sobroso Mondariz Condado Paradanta

O innovador proxecto da Deputación aposta polas novas tecnoloxías para contar a apaixoante historia do recinto e das personaxes históricas que o habitaron

O Castelo de Sobroso reabre transformado nun moderno espazo museístico que pon en valor a historia da fortaleza, lembra a pegada das personaxes ilustres que o habitaron e enxalza o entorno natural que o rodea. “Este é un día histórico para a provincia de Pontevedra. Grazas ao extraordinario traballo conxunto da Deputación e o concello de Ponteareas facemos realidade um proxecto que aspira a converterse nun fodo de atracción turística para as comarcas do Condado e Paradanta”, resumiu a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a visita inaugural realizada o luns 4 de abril e na que se fixo acompañar polos alcaldes e alcaldesas da contorna e representantes do tecido cultural e social dos municipios próximos.

“Somos das poucas institucións que teñen feito este tipo de musealizacións que contan a historia dende o século XII con elementos e innovacións do século XXI”, remarcou Carmela Silva, que expresou o seu desexo de que esta innovadora musealización baseada nas novas tecnoloxías sirva “para que moita xente veña visitarnos pero tamén para que todas e todos nós nos sintamos grandes, porque somos, e sempre fomos ao longo da historia, un pobo grande”. Tamén nesta liña se pronunciou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, quen asegurou que a iniciativa desenvolvida en Sobroso “é un luxo e unha xoia, que abre moitas posibilidades” para o seu municipio e o conxunto da comarca do Condado e A Paradanta.

MÁS:  Gala Turismo Rías Baixas 2022 - Álbum

Silva lembrou o papel desenvolvido neste proxecto polo anterior alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, falecido hai case un ano, e o respaldo recibido polos gobernos municipais de Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo e As Neves. Tamén estivo presente na reapertura José Germán, neto de Alejo Carrera Muñoz, antigo propietario do Castelo de Sobroso e cuxas aportacións á súa conservación son recoñecidas ao longo da visita.

A reapertura foi tamén a ocasión perfecta para poñer en valor a repercusión histórica da fortaleza. “Aquí aconteceron sucesos moi relevantes e esta musealización permite poñer en valor a longa historia que temos como pobo, descubrindo a personaxes moi relevantes e acontecementos que tiveron a grandes mulleres e homes como protagonistas”. Neste eido a presidenta detallou o papel de Dona Urraca, “a primeira raíña de Europa”, ou o paso polo castelo da feminista Emilia Pardo Bazán. Tamén se detivo na figura de Alejo Carrera, “que fixo o que moitos mecenas, non permitir que morrera o noso patrimonio, reconstruír o castelo e permitirnos que hoxe teñamos esta xoia”.

Todas estas figuras, así como a historia de trobadores ou profesionais da cantería, as lendas, ou outras cuestións “que forman parte da nosa historia esquecida e non contada”, teñen o seu espazo na musealización de Sobroso e comparten protagonismo co territorio da contorna, “moi rico en lendas, gastronomía ou historias que temos que poñer en valor porque isto é o que buscan hoxe as e os novos turistas, que buscan identidade propia, emocións, e, neste territorio, imos sobradas e sobradas disto”, detallou Carmela Silva.

MÁS:  Esta es la programación navideña para estas fiestas de Navidad en Rías Baixas

O proxecto de musealización

O investimento realizado na ambiciosa musealización do Castelo ascende a máis de 260.000 euros que permitiron dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, moi dixital, e potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística. As estancias adecuáronse para poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer experiencias a través das tecnoloxías e de producións audiovisuais que recollen, de xeito ameno e entretido, dende os diferentes sucesos históricos que  aconteceron en Sobroso ata as historias das personaxes vinculadas ao mesmo.

O proxecto dota ao castelo dun percorrido polas súas salas que abranguen sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, onde se presenta unha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes; “A historia do Castelo e os seus habitantes”; cun audiovisual que narra a vida na fortaleza medieval; “O castelo, protagonista na Idade Media”, cunha montaxe con elementos téxtiles e módulos de personaxes como Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal ou Isabel de Aragón; “O castelo, da destrución á recuperación”, que consiste nun “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, centrándose nos cambios experimentados no século XX e no papel desenvolvido polo xornalista Alejo Carrera. O percorrido deseñado, pensado para grupos reducidos de ata 15 persoas, remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.

MÁS:  Bombona de butano a 10 euros en Rías Baixas. Cómo conseguirla

As visitas irán acompañadas dun guía que, mediante unha tableta dixital, activará e desactivará as producións audiovisuais en forma de caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son, que se atopan nas distintas salas do castelo, e elixirá o idioma correspondente á visita (galego, castelán ou inglés). Amais, explicará os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron, adaptada tanto a visitas escolares cun carácter máis pedagóxico como a público familiar cun carácter máis lúdico.

Xornadas de portas abertas

Ao fío da inauguración da musealización do Castelo de Sobroso terán lugar unhas xornadas de portas abertas nas que poderán participar ata 450 persoas. A partir de mañá, martes 5 de abril, poderase facer xa a reserva (en reservas.castelodesobroso@depo.es) para participar nesta actividade que terá lugar os días 9, 10, 14, 15 e 16 de abril, con 6 pases diarios para 15 persoas cada un, ás 11, 12, 13 horas da mañá e ás 16, 17 e 18 horas da tarde.  “Estou segura que serán un éxito e que en cinco minutos van quedar esgotadas todas as prazas”.

Carmela Silva tamén adiantou que ao longo desta semana se habilitará unha web propia sobre o castelo na que se detallará toda a información histórica e a actualidade sobre o recinto. Amais, a partir de maio, abriranse xa a venda as entradas para que todas as persoas interesadas poidan visitar a innovadora musealización do castelo de Sobroso.


- Te recomendamos -

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor escriba su comentario!
Por favor escriba su nombre aquí